Talento, innovación e empregabilidade, claves para deseñar a Galicia do futuro
No acto entregáronse os Premios HackforGood e os Premios de Innovación Sostible aos TFM
“Nunca tivemos máis tecnoloxía disruptiva dispoñible ca neste momento”, destacaba o director xeral de Telefónica Norte, Manuel Angel Alonso, no II Encontro Ágora da Cátedra Telefónica-UVigo, “pero esa tecnoloxía precisa talento para ser explotada e a xeración dese talento é un dos grandes retos que temos como sociedade”. Precisamente a formación dese talento foi o eixo central da xornada celebrada este martes no campus de Vigo que reuniu os representantes da tripla hélice: universidade, empresa e administración. Ao longo da mañá e a través de varias mesas redondas e relatorios abordouse a importancia de potenciar o talento e a innovación na era da transformación dixital.
Na primeira das sesións, o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, facía fincapé en que a Universidade de Vigo quere ser “unha parte importante do futuro de Galicia, e entendemos que ese futuro ten que ver co talento e co desenvolvemento desa combinación única de formación, esforzo e talento que permite que nos poidamos constituír en sociedade do coñecemento”. O reitor remarcou na súa intervención que as institucións académicas deben ser quen de responder ás necesidades da contorna ofrecendo a formación que precisa a sociedade e o tecido empresarial e, nese sentido, destacou que “o sistema universitario galego púxose as pilas”, por exemplo, chegando a un acordo para impartir Intelixencia Artificial nas tres universidades. Reigosa tamén se referiu á importancia da colaboración público-privada, “un aspecto que dende a UVigo sempre abrazamos con interese e con enerxía” e do que a Cátedra Telefónica é bo exemplo” como tamén o serán os doutoramentos industriais, “unha forma de facer que a tripla hélice funcione de verdade” e nos que os centros de investigación Cigus “serán unha ferramenta adicional”.
Xunto co reitor, os encargados de abrir a xornada foron Manuel Ángel Alonso, director xeral de Telefónica Norte, e Patricia Argerey, directora de GAIN. Alonso recalcou a importancia de xerar talento e innovación para “facer fronte á transformación dixital” marcada por tecnoloxías como a intelixencia artificial, o blockchain, o big data ou o cloud computing. “Estas tecnoloxías precisan talento para ser explotadas e a xeración dese talento é un dos grandes retos que temos como sociedade. España, Galicia en particular, e Europa, en xeral, teñen un serio problema de talento para ser quen de empregar e desenvolver estas tecnoloxías tan disruptivas. Entre todos temos que ser capaces de xerar máis talento dixital e ser capaces de pasar de ser meros usuarios de tecnoloxía a desenvolvedores da mesma. Ese é o elemento de valor diferenciador”.
Pola súa banda, a responsable da Axencia Galega de Innovación tamén se referiu á importancia deste debate arredor do “triángulo de innovación, talento e empregabilidade”. Subliñou que o talento é “un piar básico do noso sistema de innovación, desenvolvemento de tecnoloxía e investigación” e puxo o foco na Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia, “a nosa folla de ruta para o desenvolvemento da política pública da I+D+i, que marca como unha prioridade o enfoque cara as persoas e a dobre transformación ecolóxica e dixital”. Ademais de repasar algunhas das iniciativas de GAIN para apoiar o talento, Argerey incidiu na importancia de potenciar as vocacións científico-tecnolóxicas entre os mozos e mozas e de apoiar a formación científica nas etapas predoc e posdoc, con axudas para formación, para contratación, etc. Neste sentido avanzou que o vindeiro ano se porá en marcha, en colaboración coas universidades, unha oficina de talento internacional, pensada para acompañar a chegada das e dos que veñen de fóra e tamén se lanzará en breve o portal InnovaRede, “un escaparate das capacidades de coñecemento que temos en Galicia que permita poñer en contacto oferta e demanda do noso ecosistema”. A longo prazo salientou tamén a importancia de “estar preparados para o que vén no futuro” e, neste sentido, felicitou á UVigo e a todos os axentes que “foron quen de ver que Galicia ten capacidades no eido das tecnoloxías cuánticas, algo que de momento non está de todo maduro, pero que será moi relevante en 10-15 anos. Galicia xa está traballando neste eido e as universidades foron quen de velo e de poñer en marcha unha primeira edición dun mestrado interuniversitario en Ciencia e Tecnoloxías de Información Cuántica”.
Tras a primeira sesión tivo lugar unha visita virtual a La Cabina, un novo espazo vangardista para probas tecnolóxicas de Telefónica onde, como explicaron os seus impulsores, “vivir en primeira persoa os últimos avances en tecnoloxía 5G, IoT, blockchain, big data, cloud, edge, intelixencia artificial e ciberseguridade”.
Debate co alumnado e entrega de premios
A xornada comprendeu tamén unha mesa debate centrada nas novas habilidades necesarias para potenciar o talento e a innovación. A vicerreitora de Estudantado e Empregabilidade, Natalia Caparrini, e representantes do alumnado analizaron tanto o papel da Universidade para formar nas habilidades necesarias como as demandas do estudantado para sentir que saen preparados para o mercado. Na mesa de debate participaron Tomás Aparicio, da Asociación de Debate Universitario Retórica; Denis Pallarés, da Asociación UVigo Motorsport; e Manuel Diz, de UVigo SpaceLab.
A xornada completouse co acto de entrega dos premios que impulsa a Cátedra Espazos de Innovación. Por unha banda, María Cabrero Rey e Jesús Valverde recibiron o Premio HackforGood 2022 polo seu proxecto HortiHuerta, que ademais de ser gañadora da fase local e obter o segundo premio nacional nesta competición organizada pola Rede de Cátedras Telefónica, tamén se proclamou hai unhas semanas gañador da VIII edición de HackForGood Big Day 2023. A proposta destes dous enxeñeiros da UVigo baséase na xestión de invernadoiros intelixentes dentro das vivendas. A idea xurdiu da necesidade de potenciar o autoconsumo, a sostibilidade e os produtos de proximidade e que a falta de espazo, de tempo ou de coñecementos non sexa unha limitación. A través dunha aplicación, as e os usuarios poden controlar todos os parámetros e dispoñen de programas específicos para desenvolver correctamente os cultivos nas súas diferentes fases de maduración. O segundo premio HackforGood 2022 foi para o proxecto SpiderWoman, de Ana Otero Bello e Lara Otero Bello.
Ademais, tamén se entregaron os Premios de Innovación Sostible aos traballos fin de mestrado. Axenda 2030 correspondentes ao curso 2021/2022. Os premiados foron Noelia González Troncoso, polo TFM Desarrollo de nuevos nanofluidos basados en palmitato de isopropilo para almacenamiento de energía térmica; Gökçen Saglam, por seu traballo Implementación de los objetivos del desarrollo sostenible (ODS) en el ámbito minero. Un caso actual: El proyecto de la mina de cobre Quebradina en Colombia; e Belén Lara Álvarez Diéguez, polo traballo Evaluación y gestión de la ruta guiada de kayak en las Islas Cíes para el turismo sostenible dentro del Parque Nacional Marítimo -Terrestre de las Islas Atlánticas de Galicia.
Na clausura da xornada participou a conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo.