NOTICIAS

As Xornadas de fundraising para a promoción do mecenado universitario apostan pola internacionalización na súa 4ª edición

As IV Xornadas de fundraising para a promoción do mecenado universitario, organizadas desde a Reitoría da Universidade de Vigo, coa colaboración do seu Consello Social e a participación da Conferencia de Consellos Sociales, desenvolveranse os vindeiros 4 e 5 de maio, cun clara aposta pola internacionalización e cun programa no que se abordarán, a través de relatorios e obradoiros, cuestións como a obra social, a marca pública universitaria, as redes sociais, o libro branco sobre mecenado universitario e os observatorios de antigos alumnos. Ao longo de dous días, as e os participantes nas sesións, nas que se poden inscribir de xeito gratuíto través da páxina web das xornadas, terán ocasión de coñecer as iniciativas que marcan as tendencias xerais de investimento privado nas universidades, comparar modelos para a busca efectiva de mecenas potenciais en proxectos universitarios, debater sobre a estrutura que permita nas universidades un financiamento privado e continuado de tipo estrutural, identificar as canles que favorecen a xestión de proxectos tractores en I+D+i e mesmo promover sinerxías para a xestión de programas de talento universitario que resulten sostibles.

Profesionais dos ámbitos da administración xeral, dos consellos sociais, da xerencia, da dirección científica e de marketing, do investimento, así como creadoras e creadores de tendencias, son os destinatarios destas xornadas, que se celebrarán na sede da Fundación Barrié en Vigo, e nas que poderán coñecer algúns dos casos de mecenado universitario internacional que van máis aló dos programas tradicionais de bolsas, legados, premios ou patrocinios, así como os cambios que a filantropía actual está a producir no modelo tradicional de universidade, ao establecer un novo marco de relacións entre académicos, axentes sociais e mecenas.

Referencias internacionais chegadas de Israel, Londres ou Portugal

Tralo acto inaugural, no que participarán o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, e os presidentes dos consellos sociais das universidades de Vigo e Oviedo, Ernesto Pedrosa e Lalo Azcona, respectivamente, as xornadas comezarán coa celebración dun grupo de discusión centrado na obra social e as tendencias e desafíos para o futuro do financiamento universitario. Moderado pola directora do Rockefeller Philanthropy de Londres, Donzelina Barroso, o xerente do Instituto Tecnolóxico de Israel Technion Haifa, David Shem Tov; a vicerreitora de Relacións Internacionais e Cultura da Universidade de Porto, Fatima Marinho; o catedrático de Finanzas da Nova School of Business Economics de Lisboa Pedro Santa-Clara e o xerente de AFundación, Pedro Otero, serán os poñentes do grupo de traballo no que se presentarán casos concretos para a participación de fondos privados na xestión directa de activos universitarios, ao tempo que se debaterá sobre o impacto e os efectos que estas políticas introducen nas universidades.

“Trátase de casos de éxito de referencia internacional, como o modelo israelí, que financia proxectos de gran escala”, explica a adxunta ao reitor, Regina Carreira, que avanza que nesta sesión tamén se abordarán, entre outras cuestións, os modelos de gobernanza que permiten a participación directa de entidades privadas na vida universitaria, a filantropía en proxectos demostrativos e innovadores de investigación e desenvolvemento tecnolóxico ou a xestión estratéxica de talento fronte a competencia.

Casos de éxito da Universidade: cátedras, Campus do Mar, Crusoe e Iacobus

A obra social dará paso á marca universitaria, que centrará a segunda das sesións das xornadas, na que se presentarán varios casos de éxito vinculados á Universidade de Vigo para a execución de proxectos científicos, tecnolóxicos, xurídicosociais e humanísticos. A Conferencia de Reitores das Universidades do Suroeste de Europa, Crusoe, e o programa de mobilidade macrorrexional de Galicia e norte de Portugal, Iacobus; a Cátedra Telefónica e Campus do Mar, servirán de exemplo para abordar os fundamentos de márketing de servizos B2B entre entidades e B2C de entidades a consumidores ou marca cruzada e sponsor; mentres que as cátedras internacionais Jean Monet e José Saramago, farán o propio no caso da marca persoa. P2P entre pares. “Campus do Mar, por exemplo, tende a buscar financiamento a través de múltiples fondos, non só a lóxica da subvención e interésanos privilexialo como marca para que os poñentes internacionais que veñen de Israel ou Londres coñezan o retorno de investimento de determinado tipo de proxectos en forma de obra social cara á sociedade”, sinala Carreira, que no caso da Crusoe explica que sempre foi unha fonte de inspiración para algúns lexisladores á hora de concibir programas competitivos para as entidades que integran esta marca cruzada, como é Iacobus.

O obradoiro Redes sociais: como financiar a túa campaña a través de Internet porá o punto e final á primeira das sesión das xornadas. A docente asociada do Pratt Institute de Nova York Sandra Davila será a encarga de impartir este obradoiro, no que se afondará no uso das ferramentas e aplicacións web que posibilitan o mecenado en liña e consolidan a estratexia de medios interactivos dentro das universidades. A matrícula neste obradoiro está restrinxida a 30 persoas por orde inscrición.

Libro branco do mecenado universitario e observatorios de antigos alumnos

O catedrático de Dereito Financeiro e Tributario da Universidad de Oviedo José Pedreira será o poñente da primeira das sesións que se celebrará o venres 5 de maio, centrada no Libro branco sobre mecenado universitario. Pedreira presentará os avances acadados nas propostas para a elaboración do Libro Branco sobre mecenado universitario, centrándose en aspectos como as medidas para actividades de I+D en consorcios e clústeres, que xorden de proxectos multilaterais ou no caso dos centros de investigación públicos.

As IV Xornadas de fundraising para a promoción do mecenado universitario finalizarán cunha presentación do observatorio de antigos alumnos universitarios, na que a directora executiva da Oficina de Alumni da Universidad de Navarra, Noelia Sanz e o responsable de Relaciones Institucionales da Federación Española de Alumni Universitarios. Alberto Brito, darán a coñecer iniciativas xa consolidadas neste ámbito e abordarán cuestións como a implicación dos egresados na vida universitaria e os recursos precisos para acadara vinculación das e dos antigos alumnos coas súas institucións académicas.

Fuente: https://duvi.uvigo.es/

CATEDRAIETELEFONICA

La cátedra Telefónica para la innovación energética constituye un programa de colaboración entre la empresa Telefónica y la Universidad de Vigo. La cátedra Telefónica para la innovación energética desarrolla sus actividades en la promoción, desarrollo, difusión y propuestas que atiendan a las temáticas relacionadas con la energía: mejora de la eficiencia energética, nuevos sistemas de gestión energética, las tecnologías de la información y la comunicación en la gestión energética, análisis de la calidad energética y ambiental, la sociedad sostenible y la energía. Director de la cátedra:  José Cidrás Pidre (Universidad de Vigo)