A Cátedra Telefónica achégalle ao alumnado da UVigo o camiño para converter ideas en solucións IoT comerciais
40 estudantes traballaron sobre deseño, estratexia e comercialización de tecnoloxías conectadas

A Cátedra Telefónica da Universidade de Vigo celebrou este mércores na Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía o workshop Da idea comercializadora: deseño de produto e modelo de negocio para solucións IoT, no que se mostrou ao estudantado da institución académica as fases e procesos que deben seguir para converter unha idea inicial nun produto de IoT comercializable no mercado.
A xornada, na que participou un grupo de 40 estudantes, foi impartida polo equipo de Innovación e Novos Negocios de Telefónica Tech, a unidade de negocios dixitais de Telefónica, líder en integración de sistemas e tecnoloxías avanzadas de ciberseguridade, cloud, big data ou IA, con presenza en 175 países.
Durante o taller, que combinou formación teórica e práctica, as alumnas e alumnos desenvolveron unha solución IoT completa desde a perspectiva dunha empresa de servizos tecnolóxicos B2B, abordando aspectos técnicos e estratéxicos para definir un produto, o seu modelo de negocio e a súa comercialización, simulando, tamén, unha presentación ante posibles investidores. A sesión, intensiva e de tres horas de duración, fomentou, ademais, a adquisición de novas habilidades, a xeración de ideas e a resolución de problemas, a través de dinámicas grupais.
Tal e como destacou o director do Territorio Norte de Telefónica España, Manuel Alonso, durante a apertura do evento, “o desenvolvemento de ferramentas de conectividade para empresas é un dos campos onde existe unha maior demanda na actualidade” e a complexidade está en identificar a idea de negocio e saber como desenvolvela porque “ideas, mesmo ideas boas, ten moita xente, pero xa son menos os que teñen a capacidade e a tenacidade para convertelas nun produto listo para lanzar ao mercado”. Alonso estivo acompañado pola vicerreitora de Estudantes e Emprego, Natalia Caparrini; o director da Cátedra Telefónica da Universidade de Vigo, José Cidrás, e o director da Escola de Enxeñaría Industrial, José Fariña.
Doce anos promovendo as tecnoloxías da información
Telefónica constituíu a súa cátedra homónima na Universidade de Vigo hai xa 12 anos co obxectivo de promover a aplicación das tecnoloxías da información e as comunicacións no ámbito do ensino universitario, a investigación e a innovación. Dirixida polo catedrático José Cidrás, desenvolveu talleres e conferencias de interese para o alumnado –talleres de Arduino, xornada smart energy-smart city, seminarios sobre a plataforma MiríadaX e os MOOCs etc.- e participou, entre outros, no Foro Tecnolóxico de Emprego, o congreso Smart Cities and Communities ou no encontro Hack for good
